Friday 19 de April de 2024

Máis de 500 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades


As comparsas locais “A verbena da Ponte” e “Os pitufos mesoneiros” foron as grandes gañadoras de xornada

O pavillón polideportivo de Ponte Carreira volveu acoller un Concurso de Disfraces, despois da súa desaparición nos últimos tres anos debido á pandemia sanitaria. Quizais por iso, esta foi un dos entroidos máis participativos e divertidos dos últimos tempos no que máis de cincocentas persoas desfrutaron dun divertido e competido Concurso de Disfraces.

Unha festa que se prolongou por máis de catro horas e nas que as persoas participantes tiveron á súa disposición inchables, música, un fotomatón de Entroido e obradoiros para os máis pequenos. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou aos presentes a flocos de millo e a chocolate quente con bica. Así mesmo, ao rematar o Concurso de Disfraces todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

Premios

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros en premios entre os 23 participantes nas distintas categorías. Na modalidade de grupo houbo pleno de Frades. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “A verbena da Ponte” (Gafoi), que levaron un premio de 300 euros. O segundo premio foi para “Os pitufos mesoneiros” (Mesos), tamén de Frades, premiada con 150 euros. Completaron o podio “Santa Compaña e o home do saco”, con 75 euros.

O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais á tres grupos locais: “Cascarolilia”, “Los pokerstars” é “Emigrantes”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos completouse cos premios a “A nova vida de Carlos de Inglaterra” (Curtis) e “Hippies” (Frades), que levaron 100 e 50 euros.

Finalmente, na categoría infantil o primeiro premio foi para “Magos de Frades”, seguidas de de “Bombeiros máis Policías” (Mesía), que conseguiron 100 e 60 euros de premio. “Espaguetis con carne” (Frades) e “Pintoras” (A Coruña), con 60 e 30 euros, completaron a lista de premios, entregados polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros Miguel Prado, Manuel Ferreiro, Juan Carlos Portos e Jesús Francos.